viernes, 9 de septiembre de 2011

LA CALLE: prensa obreira en Galicia


Os historiadores Dionisio Pereira e Manuel González Probados en Informe sobor da prensa obreira en Galiza: 1930-1936, afirman que La Calle se diferenciaba doutras cabeceiras en que estaba “concibido dende uns inequívocos referentes esquerdistas”.

Aberto a todas as tendencias de esquerda, La Calle era a palestra de “sinalados homes do partido sindicalista coruñés ou de persoas achegadas ás súas filas”, recolle ese informe. Nel destacaron as plumas de personalidades integradas na CNT pero críticas coa radicalidade do seu discurso como José Villaverde -que asinaba como Juan José-, Víctor Cremer Alonso, Carlos Pereira -Karper-, Manuel Fernández ou Gonzalo Pantín. Este “semanario popular”saíu á rúa por vez primeira o 2 de marzo de 1936 e rematou a súa andaina o 13 de abril dese mesmo ano. Cada exemplar constaba de seis páxinas e vendíase por 15 céntimos.

Aínda que próximo ao partido liderado por Ángel Pestaña, este medio ía dirixido a todas a correntes da esquerda local, tal e como reflicten os seus primeiros números, que salientan que a principal finalidade é a procura da xustiza “que es por entero de todos y tiene que estar por encima de las miserias de partido o secta para que ella sea la base incomovible del régimen futuro” (nº 2, 9 de marzo de 1936). Seguindo esta premisa, polas súas páxinas transitaron prestixiosos republicanos e galeguistas como o Doutor Hervada, o profesor Plácido R. Castro ou o antigo anarquista e, xa naquel tempo, alicerce do movemento veciñal coruñés, Manuel Martínez Pérez.

A cidade da Coruña ocupaba un lugar destacado dentro deste semanario, como é lóxico. As cuestións municipais, os problemas laborais na bisbarra, as actividades políticas, os eventos deportivos e as peculiaridades dos barrios eran temas recorrentes. E é que, a pesar de tratarse dun periódico obreirista, “apréciase nel unha temática máis ampla e interdisciplinar enfocada ao conxunto da cidadanía, procurando que os seus posibles lectores non fosen tan só traballadores afiliados aos diferentes sindicatos”, aseguran Pereira e Probados.

Este periódico forma parte do fondo xornalístico documental que a familia Villaverde Otero cedeu ao proxecto de investigación Nomes e Voces. Os sete exemplares existentes consérvanse grazas ao interese desa familia, que salvou este valioso legado cultural da destrución á que estaban abocados este tipo de bens tras o golpe de Estado de 1936. Esta e outra documentación procedente dese mesmo fondo, como os xornais Solidaridad Obrera e Solidaridad, foi dixitalizada polo equipo de Nomes e Voces. Os orixinais foron depositados o 28 de xuño de 2011 no arquivo da Real Academia Galega.