martes, 27 de noviembre de 2007

Mulleres galegas

Vicepresidencia elaborou unha exposición, que estivo uns días na Facultade de Maxisterio da USC, titulada “Galegas”. Suponse que queren honrar a memoria das mulleres galegas, as máis emblemáticas, aquelas de as que enorgullecernos. Maruja Mallo, María Casares e moitas outras. Intelectuais, mulleres do mundo das artes, das letras? burguesas en definitiva. Desas que achegaron sen dúbida algo “grande” á cultura, desas que saen nos libros. Desas que en moitas ocasións, nin sequera viviron en Galicia (como María Casares).
Nin rastro na exposición da Muller Galega, con maiúsculas. Da que poboou cada pobo e cada aldea nos anos do fame, sacando da súa boca o alimento escaso para todos. Nin unha liña da Muller Galega, a que non sae nos libros, a que foi capaz do silencio cando a soidade desveláballe as noites, capaz da fortaleza cando a guerra dividiu, asasinou e estigmatizó aos pobres. Esquecéronse os nacionalistas de Vicepresidencia da Muller Galega, a que se mantivo en pé cando a emigración desposuír do fogar… e ata do amor. Tantas enganadas, abandonadas, empobrecidas, silenciadas. Aquelas para quen Rosalía escribiu con corazón sensible ao sufrimento do pobre:

"Este vaise i aquel vaise,/e todos, todos se van,/Galicia, sin homes quedas/que te poidan traballar./Tés, en cambio, orfos e orfas/e campos de soledad,/e nais que non teñen fillos/e fillos que non tén pais./E tés corazóns que sufren/longas ausencias mortás,/viudas de vivos e mortos/que ninguén consolará".

Pero os nacionalistas de Vicepresidencia, non. O nacionalismo, nacido da burguesía e os intelectuais, nunca sufriu pola sorte do pobre. E hoxe, o mesmo. O inmigrante ao que se obriga a aprender galego antes de acollerlle como ser humano, o ancián, a viúva, os pobres de Galicia, sexan ou non nacidos en Galicia, son hoxe o pobo. Tamén eses 30.000 portugueses que traballan en Galicia explotados na construción, moitos deles cruzando cada día a fronteira. Tamén as mulleres que cosen para Inditex subcontratadas e as empregadas do fogar que non teñen seguro e coidan nenos e anciáns mentres pensan coa alma rota nos seus fillos e pais, que deixaron alén do océano. Elas son as mulleres dignas de aparecer na exposición. Eles son o pobo galego. O pobo ao que ningún partido político dos que sentan no Parlamento representa nin serve.