Pertence a un colectivo cun 80% de paro, para o que a sociedade entende
como solución de integración “comprar lotería”. Recollemos un par de preguntas dunha entrevista publicada en www.praza.com a Marita Iglesias.
As persoas con diversidade funcional saben moito de
culpabilizacións, foi unha estratexia histórica que funcionou moi ben.
Tanto, que agora o discurso do capitalismo de casino, no proceso de
salvación da súa clase fundadora, incorporou tamén a desempregados,
enfermos crónicos e maiores ao espectro de parásitos sociais
culpabilizantes. Hai moitos exemplos. O último, ese “non podemos seguir
vivindo tan ben” do conselleiro delegado de El País, Juan Luis
Cebrián, cando anunciou o despido dun cuarto da plantilla, mentres el se
embolsaba 8,2 millóns de euros no 2011, un 228% máis que no 2000. Son
argumentos parecidos aos que se empregaron tradicionalmente contra
vostedes?
Para nós ese reproche da “boa vida gozada” preséntase como unha falacia
con tintes indecentes. O asistencialismo, certa atención e soporte cara
ás mulleres e homes con diversidade funcional pode dicirse que serviu
para lavar a cara dunha moral que no fondo sempre entendeu que todo
gasto vinculado cos nosos dereitos era un desperdicio. As leis que dan
soporte os nosos dereitos incúmprense sistematicamente, os plans de
emprego non nos sacaron en 30 anos de valores sempre próximos ao 80% de
paro, segrégasenos do sistema educativo cara a contornas desvinculadas
dunha sociedade que compra lotería para integrarnos, pódesenos
esterilizar sen excesivo rubor legal… Onde foi que perdemos “a boa
vida”?
Hai unha frase de Desmond Tutu que vén ao caso: “se es neutral
en situación de inxustiza, elexiches o lado do opresor". Algo así pasou
nestes últimos tempos en detrimento dos cidadáns con diversidade
funcional, que malia pequenos avances lexislativos, seguíuselles
aplicando a medida da ignorancia colectiva –por exemplo, a inmensa
maioría dos edificios, dos locais de ocio, das tendas, dos bares, e até
máis dun 30% dos da administración, incumpre a lei de accesibilidade, e
fíxose a vista gorda-; é dicir, estábase co opresor. Pero agora,
coincide en que rematou a neutralidade e a dimensión do opresor
reactivouse ao motivar que as persoas en situación de dependencia volvan
estar confinadas e recluídas coma noutros tempos? Desta volta volveron
ser vostedes os primeiros en caer, sen consecuencias?
Si, evidentemente. Mais alá dun desexo san de xustiza colectiva
materializado en pequenos logros e propostas, o sistema democrático que
temos dende 1978 fracasou no recoñecemento e a posibilidade de exercitar
dereitos básicos, elementais por parte das persoas con diversidade
funcional. Trinta e cinco anos despois aínda seguimos dando voltas nas
mesmas norias da accesibilidade ao medio, da educación inclusiva, mais
vulnerábeis que outras á violencia... Como di un compañeiro meu pódese
falar dun velado consenso euxenésico compartido pola dereita e a
esquerda política cara ás persoas con diversidade funcional, aínda sendo
certo que é unha elaboración cultural mais cultivada polo liberalismo
económico, un virus xa presente nos cimentos do capitalismo, a
competitividade, o productivismo… De todo iso tambén se infectou a
esquerda nos últimos séculos e todavía lle enferma até o punto de
decidirse con rotundidade onde ubicarnos nun mundo condicionado con ese
liberalismo da economía que estraga a vida dunha xeración tras outra.