viernes, 29 de noviembre de 2013
Cancións para abrazar o mundo na Biblioteca Ánxel Casal
Xoves 12 de decembro • Espectáculo musical “Cancións para abrazar o mundo” para nenas e nenos de 3 a 9 anos. Interpretado por Rula Blanco e Mónica Fernández. Baseado no libro "Poemas para abrazar o mundo", de Moisés Mato, con ilustracións de Hélder Rodrigues Parrinha (Ed. Los libros del espantapájaros)
"Cancións para abrazar o mundo" é un espectáculo ínteractivo e musical para toda a familia. Cancións, xogos de palabras, teatro improvisado polo público, gargalladas e unha boa dose de vitaminas educativas que nos farán aprender e emocionarnos a todos os que queremos medrar un pouquiño máis cada día.
Prólogo do libro:
"Se cada neno puidera abrazar o mundo enteiro, se o mundo enteiro puidera abrazar a cada neno. Mentres escribo estas palabras hai nenos que loitan e adultos que se senten impotentes. Uns viven moi preto doutros. Hai nenos que morren con fame e adultos que viven sen vergoña. E están moi preto os uns dos outros. Estes poemas están escritos ao longo dos nove meses dun embarazo. Agardaba unha filla e quería prepararme para recibila. Dalgún xeito quería explicarlle o mundo ao que viña, quería dicirlle que a súa vida era unha esperanza. Era a esperanza de que as cousas puideran cambiar. Porque todo ser humano que chega ao mundo ten a posibilidade de cambialo. Estes poemas están pensados para que os pais e os fillos poidamos sentar un pouco polas noites e descifrar os versos, ollar ao mundo e preguntarnos se demos algún abrazo ao mundo neste día que remata. Este poemario está dedicado aos nenos e ás nenas que non senten o abrazo do mundo".
Lugar: Salón de Actos, ás 18:30 h. Duración aproximada 50 min.
Entrada libre ata completar a capacidade da sala.
PRESENTACIÓN DA MARCHA DE NADAL CONTRA AS CAUSAS DA FAME.