lunes, 16 de abril de 2012

DISCURSO DO MOVEMENTO CULTURAL CRISTIÁN NA INAUGURACIÓN DA PRAZA “IQBAL MASIH”. COMPOSTELA 16 DE ABRIL DE 2012

Boas tardes:

A rúa crea cultura. Os carteis, os escaparates, se hai ou non hai parques, papeleiras, bancos... Os nomes das prazas crean cultura. Con esta praza avanza a cultura da solidariedade na cidade. A partir de hoxe en Santiago estarán presentes os 400 millóns de nenos escravos do mundo, a través da homenaxe a Iqbal.

Hoxe estamos contentos porque en Santiago de Compostela está a memoria e o legado de Iqbal Masih. Así que INAUGURAR ESTA PRAZA é sobre todo unha gran responsabilidade para os que hoxe estamos aquí.

Iqbal Masih é unha testemuña para toda a mocidade do mundo. El entendeu que dende a asociación permanente é posible a loita pola xustiza. Entendeu cousas que nos costan tanto traballo entender na nosa sociedade, como que para erradicar a escravitude infantil HAI QUE FACER TODO O NECESARIO. Hai que liberalos pero sobre todo hai que esixir que politicamente se tome a determinación de erradicar a escravitude infantil. El denunciou a empresas, gobernos, países, ás sociedades que miramos para outro lado... e claro! Iso custoulle a vida. A loita de Iqbal Masih nada ten que ver con tranquilizar as nosas conciencias, nada ten que ver con facer un acto custoso, nada ten que ver con dicir POBRIÑOS!!! Nada ten que ver con paternalismos, con “axudas”... A súa tarefa non tivo salarios e os seus premios dedicounos á loita... e a facer escolas.

A loita de Iqbal Masih e da súa organización ten que ver coa DIGNIDADE dos nenos. Por iso facían manifestacións, pancartas, daban mítines ante autoridades, empresarios, gobernos... non eran situacións doadas pero ERA NECESARIO. Se imos por aí, se imos por ese camiño... estaremos recollendo o legado de Iqbal... senón, seguro que o manipulamos para outras cousas e motivacións.

En Santiago de Compostela coñecemos a Iqbal. Dende o ano que foi asasinado levamos dende o Movemento Cultural Cristián, Camiño Xuvenil Solidario e a Casa de Cultura e Solidariedade un traballo permanente. Por citar algúns: obradoiros nos centros educativos da cidade, actos nas prazas da cidade e nas instalacións dos colexios; un colectivo de mestres editou unha unidade didáctica; celebráronse concertos nas prazas da cidade, en centros sociais como Don Bosco, fixemos teatro e exposicións nos centros socioculturais; unha marcha de escravos percorreu as nosas rúas, fixéronse campos de traballo onde os rapaces facían os oficios dos nenos escravos ao longo dunha xornada na pza roxa; espectáculos teatrais; vixilias, concursos de relatos; video fórum, clubes literarios, obradoiros infantís de chapas, debuxos; unha campaña de recollida de sinaturas entre os comerciantes; difundíronse centos de libros e cómics sobre Iqbal Masih; fixemos conferencias e mesas redondas nas facultades da cidade... e seguramente, non fixemos TODO O NECESARIO E HABERÁ QUE CONTINUAR O TRABALLO. Todas estas actividades foron posibles gracias ao traballo gratuito de moitas persoas que hoxe estades aquí e de moitas que non puideron estar. A TODOS MOITAS GRACIAS.

Chegamos aquí gracias ao traballo de moita xente anónima que leva máis de 15 anos na difusión da figura de Iqbal Masih e en intentar transmitir o seu legado de xeito honrado.

Hoxe o Concello e os composteláns recordamos a Iqbal e estamos contentos e agradecidos a todos os que hoxe quixestes compartir esta homenaxe ao neno escravo Iqbal.

Nestes anos traballamos nalgúns colexios da cidade o legado de Iqbal Masih e os nenos dicían... E como é que os maiores din que non se pode facer nada??? Que non se pode facer nada fronte ao paro... Que non se pode facer nada fronte a escravitude e a explotación... que a cousa é así, hai que apretarse o cinto, agardar tempos mellores... E dicían tamén... Iqbal puido. Era un neno, enfermo, analfabeto, católico nun país de maioría musulmana... ¡escravo! e é responsable de que haxa libros, organizacións, películas, asociacións que loitan contra a escravitude infantil Fixo que escoitaran a súa voz máis alá da súa aldea, do seu país, do seu continente e converteu o seu berro nunha esperanzadora denuncia imprescindible para moitos de nós. ¿Quen pode hoxe seguir dicindo “non se pode facer nada”? Mirando a Iqbal, sendo honrados,...

Podemos facer un mural que recorde a súa loita, a súa frase que percorreu o mundo “NON MERQUEDES O SANGUE DOS NENOS”. O Concello pode colaborar a que a memoria de Iqbal sexa un berro ás nosas conciencias, ao noso estilo de vida. Porque un día o Pleno do Concello se comprometeu con iso... Asinou unha Moción na que se comprometía a facilitar todas as actividades que lanzara a sociedade para loitar contra a escravitude infantil. O mural que xa temos traballado pode ser un bonito símbolo de compromiso deste Concello.

Lewis Hine, o mesmo que fotografiou aos obreiros na viga do Empire State, dedicou carretes enteiros aos nenos escravos do seu tempo. Logo chegaron as leis contra o traballo infantil, as escolas obrigatorias, o salario mínimo para os pais... A arte pode estar ao servizo da xustiza, da solidariedade. O mural que presentamos ao Concello e que rexeitou, é iso: á arte ao servizo da solidariedade, ao servizo do legado de Iqbal Masih.

¡Que el sexa o centro! ¡Que os nenos escravos ocupen as nosas cabezas, as nosas conversas, as nosas accións!!! Segue facendo falta a loita de Iqbal e de tantos empobrecidos e explotados que hoxe seguen loitando. Segue aumentando a escravitude e a explotación, na nosa sociedade e no mundo enteiro.

Segue habendo nenos no mundo que aumentan a súa xornada laboral cando aumenta a demanda de xoguetes en occidente. Millóns de nenos viven hoxe tras o fume dos basureiros, arriscan as súas vidas como pescadores de perlas, traballan nas minas de coltán para os nosos móbiles, cosen a nosa roupa, montan os iphone, son secuestrados para ser nenos soldados... nenos nos prostíbulos... O noso mundo ten a 400 millóns de nenos aos que se lles rouba a infancia. Os nosos centros comerciais, o noso consumo, mostran a diario productos elaborados coas mans dos nenos escravos.

Nun mundo globalizado como o que habitamos, é irracional tratar de solucionar os nosos problemas como se fosen independentes dos do resto do mundo. O paro e a escravitude infantil son dúas caras da mesma moeda, dun sistema económico que antepón o capital á persoa, ao traballo. Nas nosas mans está levantar a voz como Iqbal e denunciar a gobernos, organismos internacionais, multinacionais españolas e estranxeiras que utilizan man escrava. Nas nosas mans está a responsabilidade política que temos como cidadáns de colaborar a un futuro mellor, máis xusto e solidario.

Dende as organizacións que promovemos a Campaña contra as causas da Escravitude Infantil hoxe aquí queremos lanzar a pregunta de se facemos o NECESARIO, ¿estamos facendo o NECESARIO?... para continuar mañá e todos os días loitando. Mentres haxa 1 neno escravo a loita de Iqbal debe continuar.

O 16 DE ABRIL É UNHA DÍA PARA A SOLIDARIEDADE.

(DISCURSO DO MOVEMENTO CULTURAL CRISTIÁN NA INAUGURACIÓN DA PRAZA “IQBAL MASIH”. COMPOSTELA 16 DE ABRIL DE 2012)