O movemento contra o traballo infantil chega ás entrañas de Inditex
Ehsan Ullah Khan aproveitou a súa visita a Galicia para amosarlle as súas inquedanzas a Inditex na súa propia sedeUllah Khan, tal e como el mesmo explicou, reuniuse con varios empregados de Inditex coñecedores do traballo da empresa no sur de Asia e insistiu en reclamar o respecto aos dereitos humanos, ademais de se interesar polo control ds correctas condicións laborais dos traballadores dos talleres que fabrican para a multinacional. Acompañado de imaxes e da súa experiencia persoal de ducias de anos contra o traballo forzado, este histórico activista non dubidou en solicitar un maior control e en contarlle á firma as súas vivencias como activista loitador contra o traballo forzado.
O activista paquistaní adoita denunciar o traballo infantil que numerosas multinacionais téxtiles europeas empregan no sur de Asia e lembra que moitas delas, por exemplo, fabricaban ropa nos talleres de Bangladesh onde houbo milleiros de mortos logo de incendios que sacaron á luz importantes deficiencias e penosas condicións de traballo para os operarios. Inditex negou sempre estar vinculado con calquera destas fábricas no momento dos sinistros e adoita lembrar que, por exemplo no caso de Rana Plaza -do que agora se vén de cumprir o aniversario-, a relación co taller fora rachada anos antes.
Segundo se pode comprobar nas memorias da compañía, e tal e como destaca a propia Inditex, a firma realiza máis de 1.500 auditorías externas e unhas 700 internas cada ano para asegurar que os talleres subcontratados cumpren cos códigos de conducta.
O activista paquistaní é un histórico loitador contra o traballo infantil e tivo que marchar exiliado do seu país hai vinte anosPero Ehsan Ullah Khan, ao igual que moitas ONG e movementos sociais, consideran que queda moito por mellorar. E por iso quixo dicirllo á cara a Inditex, que mantén contactos acotío con varias destas ONG ou asociacións como a Marcha Global. O activista paquistaní comezou a súa loita contra o traballo forzado con tan só vinte anos, entre ameazas e represión. Fundou a Fronte dos Traballadores dos Fornos de Ladrillo e organizou accións e manifestacións diversas, ademais de achegar asistencia legal a prol dos dereitos humanos dos operarios.
Logo, para ampliar a súa loita contra a escravitude laboral, Ullah Khan fundou a Fronte de Liberación do Traballo Forzado e foi detido e torturado en varias ocasións. Ademais, está obrigado a vivir exiliado fóra de Paquistán desde 1995, logo do asasinato de Iqbal Masih, un dos nenos escravos aos que liberou, que foi un importante loitador polos dereitos humanos e "mártir" con tan só doce anos.
Malia que o caso aberto contra el por sedición foi anulado en 2011, o goberno de Paquistán non lle permitiu volver ao país. Na actualidade, Ullah Khan é o coordinador nacional da Marcha Global en Suecia e traballa, a través de varias redes, contra o sistema de castas do sur de Asia.