“A xente non nace sendo xogadora. Vólvese xogadora cando é exposta a certas secuencias de golpes de sorte. ¿Por qué no haberían de empregarse as nosas escolas para expór a todos a esas consecuencias?. Temos ó noso alcance a tecnoloxía conductual necesaria para iso”. (Skinner)
Vexamos uns datos:
¨ Os españois xogamos 3,9 billóns de pts en 1999 en Lotería Nacional,
Primitiva, Bono-Loto, cupón da ONCE, quinielas, casinos, bingos e as chamadas
máquinas tragaperras, de acordo cos últimos datos facilitados pola Comisión
Nacional do Xogo. Os gastos distribúense así per cápita:
* tragaperras 39.937 pts ., 40,4% do
total,
* loterías 25.917pts (16.551 na Nacional; 7.689 na Primitiva
e 1.677 na Loto) o 26,3%,
* bingos 15.546 (15,8%),
* ONCE 9.558 pts 9,7%,
* casinos 5.708 (5,8%) e
* quinielas 2.021 pts (2%).
O que dá unhas 98.687 pts per cápita
nos xogos legalizados, pois se consideramos os ilegais as cifras prácticamente
duplícanse. (El Mundo,
8-IV-01)
¨ As Colectas Misionais en Lugo foron de case 35 millóns no ano 2000
co que saimos arredor de 100
pts per cápita, a de Mans Unidas a nivel de España foi
sobre 7 mil millóns (case 200 per cápita), pero a da Igrexa diocesana en Lugo foi
de 3.759.000 (entre 11 e 12
pts per cápita).
¨ Se os datos anteriores os pasamos a unha familia normal de 4
membros teríamos que se gastan en xogos de azar unhas 394.748 pts . Na lotería
de Nadal deste ano cerca de 40.000, pois pensan vender 336.000 millóns. Pero en
cuestións de solidariedade serían algo máis de 400 pts para misións e 45-46 pts para a Igrexa
diocesana en Lugo, cerca de 800 para Mans Unidas segundo os datos nacionais. Para
accións solidarias ¡seguro que non chegan a alcanzar a cantidade das quinielas!.
¿Dinos isto algo acerca de se somos ou non un pobo cristián?
Sobre os xogos de azar convén que
lembremos ós seguintes autores:
“O militante da primeira hora non loitaba só
contra o burgués; á súa misión emancipadora pertencía tamén a loita contra o
alcohol, os xogos de naipes, as tabernas, a prostitución, a linguaxe groseira e
outras lacras e hábitos embrutecedores a que os obreiros se entregaban para fuxir
da súa gris existencia. Esta loita moral tiña un sentido profundo; os
militantes, como homes conscientes que eran, sabían que unha clase traballadora
composta de borrachos, vagos e xogadores non podía alcanzar nunca a súa
liberación, pois eran escravos non só do capital, senón tamén dos seus propios
vicios. A emancipación económica e política tiña que ir precedida da
emancipación humana e ética”. (H. Saña, ¿Existe militancia obrera hoy?).
Nesta mesma liña citamos a unha señora á que lle dedican rúas en case
tódalas cidades, ¿será para esquecer as cousas que dixo?, como podemos ver a
continuación:
“Non se pode adquirir en conciencia valor algún
senón por medio do traballo, ou por donación de alguén que traballando
honradamente o adquirira. Os demais medios serán posibles, fáciles, e para
vergoña e desgracia do mundo, poderán ser ata legais; pero non son moi
honrados. Isto é claro, sinxelo, incuestionable, elemental; e sendo certo que o
diñeiro cobrado en virtude dun
billete de lotería nin é producto do noso traballo nin do de ninguén, non
podemos percibilo nin apropiárnolo e usar del sen certa infracción da lei
moral. A cantidade que cobramos está alí en virtude dunha serie de accións
inmorais, tantas coma individuos que contribuiron a formala; e no lugar de ser
froito do traballo, é consecuencia da culpa, que sempre hai en pedir ganancias
á sorte sen consultar á conciencia, e en non reparar no desgraciado conducto
por onde vén aquel diñeiro que nos trae a fortuna. (Concepción Arenal, Cartas a
un Señor)
Reordenando ideas:
· Os xogos sempre son unha actividade lucrativa para quen os organiza
(Estado, organismos...); dito doutra maneira, a banca gaña sempre. O esquema
dos xogos é o dunha estafa consentida,
pois de cada 100 pts ,
van a premios no mellor dos casos 70, pero con frecuencia non chegan a 50.
· Sorprende que agrupacións cristiás (órdenes
relixiosas, parroquias...) vendan participacións de loterías que son unha
catequese de egoísmo e do ter, fronte ó compartir e ó ser. Consecuentemente
para que lle toque a un, debe desexar que non lles toque ós outros. Serven para
afianza-lo egoísmo na propia vida e na vida social.
· A vida non se soluciona cun golpe de sorte, por moite que iso se
desprenda das informacións dos medios de comuniación social sobre os diversos
sorteos, senón co compromiso nun proxecto feito con esforzo persoal día a día.
· Os cartos non son a solución definitiva nin a máis importante para a
problemática humana, pois non só de
cartos vive o home.
· Despois de todo isto ¿que calificación moral teríamos que facer dos
xogos de azar?. Antón Negro.